Thursday 02 de May de 2024

O PSOE convoca a súa militancia para aportar a “última remesa de propostas” para os orzamentos municipais


O secretario xeral destaca o “bo entendemento” co bipartito na negociación e os avances nas partidas para o rural “destinando un 3% dos orzamentos en investimentos” e co incremento do Servizo de Axuda no Fogar

Bouza critica a actitude do Partido Popular e cuestiona ao deputado Borja Verea por votar en contra das emendas socialistas aos orzamentos da Xunta “iso si que é darlle un chegue en branco a Rueda”.

Este martes o Partido Socialista de Santiago convoca ás súas bases no sprint final de cara a alcanzar un acordo co bipartito sobre os orzamentos municipais. Nunha Asamblea extraordinaria a dirección compostelá do partido recollerá a última “remesa de propostas” da militancia para aportar ao proxecto de orzamentos. Aitor Bouza, que destaca o “bo entendemento” e a “receptividade” do goberno local, confía en chegar a un acordo “canto antes”.

Nese sentido, destaca os avances alcanzados ata o de agora, coa incorporación dunha partida de investimentos no rural que suma o 3% do orzamento total, así como o incremento na financiación do Servizo de Axuda no Fogar, “dándolle continuidade á aposta que fixo tamén o goberno socialista neste servizo básico”. Entre as propostas dos socialistas está tamén a reserva de dúas partidas para os proxectos de rehabilitación dos polideportivos de Santa Isabel e Vite, que permitirán non perder os fondos europeos captados no anterior mandato.

“As negociacións van polo bo camiño, e tentaremos acadar un acordo o antes posible” destacou Bouza, xa que “Santiago precisa e merece uns orzamentos” porque son, asegura, “unha necesidade social” destacando as inversións no rural, en instalacións deportivas e en prestacións para as persoas máis novas.

“O Partido Popular nada ten que achegar a esta cidade”

Bouza amosouse especialmente crítico coa postura do Partido Popular a quen acusou de estar instalado na “crispación e a crítica” e de non ter modelo alternativo: “cal é a proposta do señor Verea? Que nos diga unha soa” afirmou.

“Criticou os orzamentos antes de coñecelos, o acordo antes de que o houbera e a postura do PSOE antes de que nós a manifestáramos” continuou Bouza que aproveitou para lembrarlle ao portavoz do Partido Popular, e deputado, que “hai unha semana foi el quen votou en contra dos intereses das veciñas e veciños de Compostela no parlamento de Galicia”.

O secretario xeral do PSOE en Compostela arremeteu contra Verea por darlle a Alfonso Rueda “un cheque en branco sen ningún tipo de reclamación” para Santiago. Aféalle ao líder dos conservadores que votase en contra das emendas socialistas “que puñan enriba da mesa os problemas da veciñanza compostelá”. Nesas propostas incluíase un centro de día para Fontiñas, unha escola infantil en Santa Marta, o Conservatorio Profesional de Danza e a ampliación do Conservatorio Profesional de Música ou o incremento das aportacións ao Consorcio e á Capitalidade; así como a construción dun novo centro de saúde en Conxo.

“Hai que ter un carnet do Partido Popular para ter servizo de autobus?”

En rolda de prensa o líder dos socialistas composteláns pediu explicacións ao presidente da Xunta polas incidencias rexistradas no servizo de autobuses esta fin de semana. Concretamente, na liña Ferrol-Santiago que, denuncia, quedou sen servizo os días 24 e 25 deixando a “moitas familias sen poder reencontrarse” nestas datas.

“Está moi ben que o señor Rueda grabe vídeos para intentar captar o voto, inclusive no rural como se os buses chegaran alí, pero a realidade é esta” denuncia Bouza, en alusións ao vídeo publicado polo PP de Galicia co presidente conducindo un autobús: “Queremos que o señor Rueda nos explique se vai ir el a recoller a esas persoas que quedaron tiradas nas paradas e cal é a solución que vai dar a Xunta”.

O PSOE compostelán súmase á solicitude de dimisión do edil do PP que lle levantou a man á tenente de alcalde socialista de Cangas

O secretario xeral dos socialistas en Santiago amosou tamén durante o seu encontro cos medios a solidariedade da agrupación socialista da cidade coa tenente de alcalde de Cangas, que sufriu un episodio violento co concelleiro do Partido Popular, José Luis Gestido.

“Sumámonos á abalancha de solicitudes de dimisión porque, en democracia, este tipo de actitudes non se poden consentir” recalcou Bouza, que puxo o foco tamén en Alfonso Rueda que “aínda nin desautorizou nin realizou ningún tipo de condena ao respecto”.